INICIO
ANTERIORES
PROGRAMA
COMO CHEGAR
CONTACTO


    


MÚSICA NA NOITE

O Festival Música na noite naceu no ano 1987 por iniciativa dun grupo de mozos e mozas de Solláns na parroquia de Calo, concello de Teo, agrupados dentro da asociación Lúa Chea. Os seus obxectivos e as súas aspiracións resúmense na súa intención de montar unha festa que servise para pór en valor a música de raíz galega e confrotala con outras músicas europeas.



            Grazas ó enorme esforzo feito polos seus promotores, á implicación dos grupos folk galegos do momento e ó apoio prestado por empresarios da zona e de Compostela, o festival de Calo, que se realizaba na esplanada de San Domingos converteuse nun referente musical da comarca compostelá ó que acudían espectadores de toda a contorna e os grupos musicais de maior relevancia do momento, tanto no panorama galego coma no internacional. Por Música na noite pasaron nos seus comezos os grupos galegos máis exitosos do momento e tamén aqueles que estaban a comezar, así como intrépretes de fóra de Galicia que na súa época constituíron un referente musical folk.



           

Ademais da oferta musical un dos grandes atractivos do festival foi en tódalas edicións a degustación dos bolos preñados e da carne de cucho á brasa.



 


I EDICIÓN. 5 DE SETEMBRO. 1986.

AGRUPACIÓN ALBÉNIZ

CENTRO CULTURAL ROSALÍA DE CASTRO

SUSO VAAMONDE

DHAIS

TARANIS

BRÉTEMA

TEBRA


II EDICIÓN. 6 DE XUÑO. 1987

XOCALOMA

NA LÚA

MILLADOIRO


III EDICIÓN. 18 DE XUÑO. 1988.

BANDA DE GAITAS DE VILANOVA DE AROUSA

LUAR NA LUBRE

A QUENLLA

ALECRÍN.


IV EDICIÓN.

MILLADOIRO

OSKORRI


V FESTIVAL MÚSICA NA NOITE. 1990

LA CIAPA RUSA (Italia)

ARMEGUÍN

LUAR NA LUBRE

PERLIMPINPIN FOLC (Occitania)


VI EDICIÓN. 6 DE XULLO 1991. (Trasladouse para o 12 por mor da chuvia)

GRUPO DE GAITAS ANCORADOIRO

DHAIS

A QUENLLA

ALECRÍN


VII EDICIÓN. 4 DE XULLO DO 1992

PALLAMALLADA

LUAR NA LUBRE

FOL DE NIU

KER-CUEZ.


VIII FESTIVAL. 3 DE XULLO 1993

XAMARAINA.

DURINDAINA

VLADIMIR E SERGEY (Rusia)

RÚA (Escocia e Nova Celandia)

MATTO CONGRIO


IX EDICIÓN. 2 DE XULLO 1994

O DEMO DA MOUTA

LEILÍA

DHAIS

KEPA JUNKERA TALDEA.

 

X FESTIVAL. 8 DE XULLO 1995

C.C. ROSALÍA DE CASTRO

ADAÍL (S.R. CALO)

ENRIQUITO NÚÑEZ (Nova Trova Cubana)

A QUENLLA

NA LÚA

OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE ALTO.

 

            De Música na noite realizáronse dez edicións, todas moi existosas. Con todo, os cambios operados no panorama musical galego, xunto coa progresiva profesionalización dos grupos, deixaron fóra de xogo ó festival de Calo. Os seus promotores, ó non contaren con apoio institucional non se viron con forzas para afrontaren os gastos económicos en aumento que supuña o festival. A última edición celebrouse no ano 1996.

 

            A pervivencia do festival Música na noite na mente e máis na lembranza dos seus organizadores, dos músicos que por alí pasaron e de quen algunha vez asistiu a el convenceron ó grupo de goberno do Concello de Teo para recuperar este festival, axeitándoo, claro está, á época e á realidade actual do Concello.



                                 XI FESTIVAL MÚSICA NA NOITE

                                              SEGUNDA ÉPOCA

            A proposta de festival que se elaborou presenta diferenzas coa concepción da primeira época, pero a esencia é a mesma: montar un festa da que poida participar toda a cidadanía e coa que se poida demostrar o valor da música galega actual e o bo facer da xente de Teo. As diferenzas principais entre a proposta actual e a inicial son dúas: o festival durará dous días e a música que nel se oirá non será só folk.

            O Festival está programado para os días 29 -venres- e 30 -sábado- de agosto, que resultan ser as datas en que non hai outros festivais pola redonda. O lugar en que se celebrarán os concertos será o mesmo da primeira época: o campo de San Domingos, en Solláns, facilmente accesible dende a estrada nacional Santiago-Pontevedra e con posibilidades de artellar unha ampla de aparcadeiro nos campos e leiras da redonda.

            Os dous días escollidos teñen unha programación ben diferenciada: o primeiro -o venres 29- estará destinado a que os grupos das asociacións de música e baile tradicional de Teo expoñan os seus traballos nun grande escenario. As actuacións, dunha hora de duración, corresponderán ós grupos da Sociedade Recreativa de Calo, da Asociación Cultural A Mámoa de Luou; da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras e do Centro Cultural A Ponte Vella de Pontevea-Reis . Como fin de festa actuará a charanga BMV, cun gran número de integrantes nativos da parroquia de Calo. O segundo dos días -o sábado 30- é o máis forte do festival e nel actuarán, por esta orde, Pablo Seoane Group, A Quenlla, Berrogüetto e Zënzar, os tres primeiros fan folk e música de raíz e o cuarto, rock.

POR MOITOS ANOS MÁIS DE MÚSICA NA NOITE